Friday 03 de May de 2024

Mostras, arte, monicreques e lectura de poemas para conmemorar o Día das Letras Galegas


O Concello de Ordes homenaxea á autora María Victoria Moreno Márquez cun amplo programa dirixido a veciños e veciñas de todas as idades

O Concello de Ordes xa ten listo o programa de actos para celebrar un ano máis o Día das Letras Galegas, que se conmemora o vindeiro xoves 17 de maio. Unha nova edición na que se homenaxea á escritora e profesora María Victoria Moreno Márquez.

O mércores, 16 de maio, a alameda de Ordes acollerá o espectáculo de monicreques ‘O cego dos monifates’, título pertencente á bibliografía de María Victoria Moreno. Unha cita dirixida a toda a familia que arrancará ás 18.30 horas. Cómpre ter en conta que no caso de chuvia a actividade trasladarase ao auditorio da Casa da Cultura.

O venres, día 18, en horario de mañá poderase desfrutar das xornadas participativas de creación artística arredor do Camiño Inglés. Camiño Vivido, título desta iniciativa, traerá a obra ‘Pasamaneiro’ integrada na serie ‘Memoria da paisaxe engadida’ do artista lucense Iago Eireos. O sábado, día 19, levarase a cabo a lectura de poemas a partir das 13 horas. Ambas as citas serán na alameda.

Tamén a partir do venres a biblioteca municipal inaugurará unha ampla mostra dos libros e documentos bibliográficos propios relacionados coa vida e obra da autora. Está previsto que ese día se agasalle cun libro aos usuarios e usuarias.

Xornada de conciliación
Cómpre lembrar a xornada lúdico-educativa organizada polo Concello de Ordes de cara ao venres 18 de maio, especialmente orientada para os nenos e nenas de 3 a 12 anos que estean escolarizados. Co fin de poder conciliar a vida laboral e familiar de 9 a 14 horas están previstas sesións de actividades manuais, musicais e xogos participativos (posibilidade de consultar outros horarios).

As inscricións deberán realizarse ata o 15 de maio no mesmo Departamento de Educación do Concello (981680002), ou ben nas oficinas da escola ConTalento situadas na rúa Reconciliación, na vila de Ordes (981697844 – 604002616). O prezo é de 4€, habendo descontos do 50% para as familias numerosas.